Novas /
25.01.2016

Dous trastornos do calcañar que sofren os corredores

Pés na terra. FEET NATION/FLICKR

Un esporón calcáneo é unha protuberancia ósea que aparece no calcañar e que pode ocasionar dor. Hai dous tipos: o plantar, que se localiza na parte inferior do calcáneo e o que se denomina deformidade ou exostose de Haglund, que se encontra na xunta do tendón de Aquiles e o calcáneo.

O de tipo plantar adoita producirse secundariamente logo dunha fascite plantar ou unha inflamación da fascia plantar. Amósase con dor punzante na planta do pé (peor pola mañá e durante a práctica deportiva). O tipo de dor é semellante ao que se sente cando chantamos un cravo no pé.

Para tratalo hai varias técnicas fisioterapéuticas útiles que alivian a dor. A fisioterapia e a podoloxía son idóneas tamén para previlo e evitar que se reproduza. Realizar estiramentos específicos, evitar o uso de zapatos de tacón, practicar deporte con calzado axeitado e tratar de inmediato calquera fascite plantar son os camiños que seguir neste caso.

A exostose de Haglund ten como causas principais factores hereditarios ou hábitos do pé de risco. Camiñar sobre a parte exterior dos talóns ou usar calzado axustado e ríxido son factores que favorecen a aparición da lesión.

Os síntomas deste problema son a inflamación da zona do talón e a dor na zona, acompañada dunha medra notoria da parte posterior do calcañar. A fisioterapia compaxinada coa podoloxía pode tratar esta doenza aínda que nalgúns casos a solución final hace dar a través da cirurxía.

As persoas que padecen este problema deben evitar o calzado ríxido e evitaren correr sobre superficies duras ou costa arriba. Poden ser efectivas unhas soletas que reeduquen a nosa forma de camiñar.

Recorde consultar co seu profesional de confianza da Fisioterapia ou da Podoloxía cando poida sospeitar que algunha destas doenzas está a incomodar a saúde dos seus calcañares, especialmente se practica deporte ou camiña acotío.