Novas /
07.06.2016

Convivir con mascotas libra os bebés dalgunhas infeccións

Os bebés que conviven con cans ou gatos teñen menos risco de padeceren certos tipos de infeccións nos oídos ou problemas respiratorios que os que non teñen perto unha mascota. Así se desprende das conclusións dun estudo finlandés que agora publica Pediatrics.

Segundo os científicos que realizaron esta investigación, o sistema inmunolóxico do neno durante o primeiro ano de vida fortalécese se está arrodeado dun can que pasa gran parte do día ao aire libre. A conclusión universitaria indica que os bebés que conviven cunha mascota teñen un 30% menos de posibilidades de sufrir infeccións respiratorias. O 50% non sufrirá ningunha infección de oído.

O estudo desenvolveuse en Finlandia. Expertos do Hospital Kuopio analizaron o comportamento de 397 nenos de entre nove semanas e un ano. Os responsables da análise consideran que o contacto activo cun cadelo ou un gato “axuda a madurar o sistema inmunitario, dun xeito ordenado e con baixa incidencia de infeccións”. A tese que se desprende do estudo é que os animais domésticos axudan a que o naipelo sufra ataques de virus e bacterias con baixa intensidade, o que lle permite ao seu corpo crear anticorpos sen a peaxe dunha infección.

Para os especialistas fineses, é conveniente que o can teña acceso ao campo e á rúa e que pase co neno polo menos un terzo do día. As conclusións engaden que o contacto con mascotas evita o uso masivo de antibióticos nese primeiro ano de vida.

Os médicos puntualizan que o estudo só tirou conclusións sobre o primeiro ano de vida e os beneficios de ter un animal doméstico na casa non se poden estender nin a outras faixas de idade nin a cativos que conviven con outros nenos.