Novas /
05.06.2016

Alimentos que axudan a curar, antibióticos sen contraindicacións

Cando padecemos unha infección, o usual é acudir ao médico para que nos receite algún antibiótico. O fármaco é efectivo pero ten contraindicacións evidentes. A principal, que crea resistencia e co tempo son menos efectivos. Os alimentos antibióticos non teñen tanto poder de curación pero carecen deses efectos secundarios. Manteñen os seus efectos sempre e non alteran a flora bacteriana.

Axudan a evitar ou a recuperarnos das infeccións os alimentos antioxidantes, caso do tomate ou a cebola, polo xeral ricos en vitamina C e E tamén en provitamina A e en flavonoides. Estes alimentos neutralizan os radicais libres xerados polas infeccións.

As proteínas. Son necesarias para sintetizar os anticorpos que o organismo crea para defenderse das infeccións. Alimentos ricos en proteínas hainos de orixe animal (carne e peixe, por exemplo) e vexetal (froitos secos, legumes).

Os oligoelementos, presentes na melaza, o sésamo, o xermolo de trigo e de alfalfa, necesarios para que se activen as encimas que sintetizan os anticorpos.

As froitas cítricas, fonte de vitamina C e elementos denominados fitoquímicos de tipo flavonoide, caso do kiwi e o limón (que se poden usar por vía tópica ou oral), o arando agrio (especialmente útil en infeccións urinarias e dixestivas), as cereixas e amorodos (ambas conteñen ácido salicílico, moi recomendábel en enfermidades crónicas), amoras, grosellas, papaia (cun elevadísimo contido en vitamina C, igual que a acerola), ananás...

Diuréticos, caso dos espárragos.

Antihistamínicos, coma o xenxibre, moi recomendábeis en inflamacións causadas pola alerxia.

Ademais, cómpre ter a man estes alimentos:

O xugo de col, que equilibra a flora bacteriana e ten un potente efecto antibiótico.

O allo, que estimula as nosas defensas. É útil na gastrointerite e nas infeccións respiratorias e urinarias.