Novas /
03.06.2016

Éxito dos equipos cos que colabora Antela

Deixádenos compartir convosco a nosa ledicia. Unha ledicia que non é só nosa, que tamén se estende ao resto da cidade e de Galicia enteira. Na tempada 2015-16 Antela foi provedor oficial de servizos de Fisioterapia deportiva en catro clubs: UD Ourense adultos (categoría masculina e feminina), Keltia Rugbi Ourense e Amoeiro CF.

Nos tres primeiros casos, os equipos lograron o seu obxectivo: ascender.

O Keltia xogará na 1ª División Galega de Rugbi na tempada 2016-17. Un proxecto novo, moi ilusionante, que consegue culminar o seu segundo ano de competición co ascenso e o campionato tras unha tempada na que, literalmente, arrasaron.

A UD Ourense é un deses proxectos que renovan a esperanza no deporte de base. Tras a desaparición do CD Ourense, un grupo de socios tomou as rédeas dun proxecto de fútbol popular que até o momento vai cumprindo os seus obxectivos: vai a ascenso por ano e a partir de setembro competirá na 1ª División Galega de Fútbol.

Esta tempada xogou, por primeira vez, a UD Ourense feminina. As rapazas cumpriron con creces no seu debú e tamén ascenderon tras unha tempada vibrante en resultados e xogo que logrou achegar este deporte, aínda minoritario e suxeito a moitos preconceptos, ao público ourensán.

Para Antela é un orgullo ter estado ao carón destes grandes deportistas. Deixádenos a pequena fachenda de alegrarnos dos seus triunfos, que tamén son, nunha pequeniña chisca, tamén nosos.